Ascensión Cambrón: «Temos dereito a que non nos quiten a vida, pero non a obriga de vivir»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

SANTIAGO

MARCOS MÍGUEZ

A presidenta de Dereito a Morrer Dignamente Galicia insiste na necesidade de regular a eutanasia e aposta polo modelo belga

13 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ascensión Cambrón denuncia que, máis de dúas décadas despois da morte de Ramón Sampedro, aínda non se tivera regulado a eutanasia e amosa as súas discrepancias co proxecto de lei presentado polo PSOE.

-¿Que a levou a visitalo?

-Interesábame coñecer se a súa vontade de morrer era clara e explícita. Fun a Xuño atraída polo seu caso, pola súa situación de sufrimento absoluto.

-¿Que atopou alí?

-Atopei a unha persoa lúcida, que non é que quixera morrer, senón que non quería vivir naquel estado. Explicábame que ata tivera que perder o sentido do pudor. Non entendía como os teólogos e os médicos que o visitaban lle dicían que se quería morrer tiña que deixar de comer, engadindo unha gran crueldade.

-¿Que destacaría da súa loita?

-A incompetencia dos políticos que nos gobernaban e nos gobernan. Existindo unha demanda social destas persoas que piden que se lles axude a morrer, non entendo que se manteña o artigo do Código Penal que penaliza a eses cómplices.

-¿Cal destacaría como a acción máis valente na loita do sonense?

-Destacaría que, a pesar da súa debilidade física, tiña moita fortaleza moral para seguir loitando con sentenzas en contra apelando motivos formais. Temos dereito a que non nos quiten a vida, pero non temos a obriga de vivir.

-¿Foi o final que elixiu o mellor que puido ter?

-Non, porque tivo que morrer só. É a mesma situación que se segue a dar cos doentes de ELA, antes de que perdan a capacidade para inxerir o fármaco, a súa familia ten que abandonar a vivenda para non seren cómplices.

-Pero, ¿en canto á forma elixida para morrer?

-A forma elixida para morrer asígnalle a Sampedro un toque de heroicidade. Morreu dándonos unha lección.

-Sen embargo, pouco cambiou a situación desde entón...

-Algo cambiou, pois Galicia e outras dez comunidades máis teñen leis de morte digna que regulan o final da vida e atribúenlle aos pacientes a posibilidade de rexeitar o tratamento terapéutico extraordinario. Pero esta normativa non serve para un caso como o de Ramón Sampedro.

-Dá a sensación entón de que serviu de pouco a súa loita...

-Valeu, si, porque estendeu a conciencia entre a sociedade e entre parte do persoal sanitario. Na última sondaxe feita por Metroscopia no 2017 conclúese que o 84 % dos enquisados están a favor da legalización da eutanasia..

-¿Cal é nestes intres o reto de DMD Galicia?

-A eutanasia segue a ser o obxectivo prioritario. Mentres, imos explicando as posibilidades que ofrece a Lei de Morte Digna do 2015, que permitiu que descansara a nena Andrea, cando algúns médicos se obstinaban en seguir manténdoa con vida e con alimentación asistida.

-¿Pensa que está cerca esa ansiada regulación da eutanasia?

-Pois o certo é que vexo o tema regular. Analizado o contido da proposta do PSOE podo concluír que é paternalista. Din que é para regular o dereito individual á eutanasia, pero no texto déixase a decisión en mans do equipo médico.

-¿Como tería que ser esa normativa para satisfacer a petición de Ramón Sampedro?

-Ten que ser un texto claro. Tendo en conta que xa hai países europeos nos que este tema está regulado, como é o caso de Holanda, Bélxica e Luxemburgo, sen que se teñan detectado erros na aplicación.

-¿A que atribúe estes freos que se lle poñen á eutanasia?

-Coido que o primeiro temor que parece que teñen os propoñentes da norma é o de asustar aos médicos, que se amosan en contra da eutanasia apelando ao xuramento hipocrático.