Miguel Anxo García: «Hai moitos galegos que morren mal, con moita dor e de maneira indigna»

SOCIEDAD

Xoán A. Soler

«Hoxe Ramón Sampedro falecería acompañado e en paz», asegura o presidente da asociación Dereito a Morrer Dignamente

13 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se fan 24 anos da morte de Ramón Sampedro (12 de xaneiro de 1998), Miguel Anxo García, presidente da asociación galega Dereito a Morrer Dignamente, lembra a súa figura e recoñece que a súa loita persoal valeu a pena. «Grazas a el chegamos a onde estamos hoxe», subliña, para lembrar que aínda queda moito traballo por facer, pese a que xa se ten aprobada en España a lei de eutanasia.

—Que significa ter unha morte digna?

—Vivir ese último momento da vida en condicións de coidado e acción sobre o sufrimento e a dor, tendo sempre en conta á persoa, que dirá como quere que sexa.

—Hai xente que non pode decidir polas súas facultades mentais, se tivo un accidente cerebral... Que pasa aí?

—Se unha persoa na evolución dunha enfermidade neurodexenerativa, por exemplo, chega a un punto de incapacidade para adoptar decisións razoadas, nese caso, se non deixa previsto antes aplicar o que consta na lei de eutanasia, pois continuaría vivindo así.

—Para que iso non suceda, que hai que facer?

—O chamado testamento vital onde quedaría reflexada a súa vontade para que, se se dá o caso, se lle aplique á persoa o previsto na lei de eutanasia. Pero se de súpeto ten un accidente, por exemplo, e non ten o testamento, a cousa cambia. É fundamental poñerse diante do papel e pensar no que querería un de nós no suposto de encontrarse en determinadas condicións de danos e perda de autonomía, en estado de coma... Así quedaría previsto para tratamentos médicos futuros. E tamén podes deixar dito que se che aplique o previsto na lei de eutanasia.

—Haberá nais e pais que se atopen con circunstancias terribles cun fillo e non poden decidir.

—Así é. Sobre todo desde o ano 2015, no que se fixo unha modificación de maneira sorpresiva na lei de autonomía do paciente, sinalando que en condicións de graves danos para a persoa, a actuación médica ten que orientarse ao sostemento da vida.

—Se non está feito o testamento vital, queda vixente o sostemento da vida?

—Si, hai que priorizar a preservación da vida. En afectacións cerebrais, por exemplo, pode lograrse o sostemento da vida en estados de conciencia moi reducidos, vexetativos persistentes. Se a persoa non o ten previsto, ninguén vai poder tomar a decisión por ela. Neses casos non se pode aplicar a lei de eutanasia, se non está especificado. O médico legalmente está orientado a soster a vida, tanto con nenos como con adultos. Se non fas o testamento vital, podes atoparte nunhas condicións que ti non desexarías.

—Hai moitos galegos que morren mal?

—Si, efectivamente. A cuestión da morte e de como se está morrendo aínda nos é descoñecido. Habería que morrer con menos dor, con menos soidade, con menos temor, con menos indignidade. Hai moitos galegos que morren con moita dor e de maneira indigna. Os coidados paliativos existen, e hai esforzos nese aspecto, pero segue morrendo moi mal moita xente.

—Cal é o perfil das persoas que piden a eutanasia?

—Aínda non o sabemos. Haberá que esperar a ter informes; sabemos, desde o día 3 de novembro porque o dixo o conselleiro de Sanidade, que hai 9 solicitudes en curso, houbo unha persoa en Ourense que accedeu ao seu dereito, pero non coñecemos a tipoloxía. Por outros países sabemos que son persoas formadas e con relacións afectivas significativas. Que non están en desesperación por condición material.

—Que lle reclaman máis na asociación?

—Traballar para difundir a lei de eutanasia e tamén orientar no testamento vital. Na lei de eutanasia en España non se prevé nada do sufrimento psíquico insoportable dos trastornos mentais, igual que o tema dos menores. Na lei tense en conta só a persoas en plenas facultades psíquicas, pero hai xente con trastornos mentais que non poden deixar previsto isto, e quedan fóra. Igual que os menores. Están fóra as persoas que por si mesmas non poden tomar a decisión.

—Cando se pode facer o testamento vital?

—Na maioría de idade. As decisións sobre tratamentos require a capacidade plena. Houbo precedentes de menores, hai que lembrar a aquel neno de Jaca que con 13 quixo parar un tratamento e morreu. O caso chegou ao Supremo, e aceptouse que estaba tomando as decisións no marco das súas capacidades. Pero un menor non pode acceder á lei de eutanasia, pero si, e isto é importante, pode participar na decisión dos tratamentos, os menores son escoitados cando teñen a madurez suficiente.

—Como tería morto hoxe Ramón Sampedro?

—Tomaría a decisión de se querería morrer na casa ou no hospital, morrería acompañado por persoas que el quixese desde o punto de vista afectivo, acompañado polo equipo médico responsable de axudalo a morrer e morrería sen dor e en paz. Morrería ben, imos dicilo así.

—A día de hoxe hai moito médico en contra da eutanasia?

—Hai informes nos que se sabe que hai unha porcentaxe altísima de médicos en favor da eutanasia. É un corpo sensible. A eutanasia é un dereito, non é unha obriga, e abre a posibilidade a que as persoas escollan, non é unha obriga, e non obriga tampouco a quen ten que axudar a morrer. A obxección de conciencia non está por encima do dereito regulado, pero os médicos poden obxectar, mais haberá outros que o poidan facer.

—Hai diferenzas graves entre quen pide a eutanasia e a súa familia. Ten constancia?

—A familia cre que dando máis cariño conseguirá darche o que che falta. Como se continuar vivindo fose bo sen ter en conta a vontade da persoa. Aí hai un traballo ata que a xente do redor se dá conta de que a vida é vivible na medida en que esa persoa quere vivir. Por iso é tan importante falalo en vida. Pero a morte non existe nas nosas conversas.