DMD, asociación sen ánimo de lucro, é a organización de referencia en defensa da libre disposición da propia vida e do dereito a decidir sobre o final dela co fin de termos una boa morte. Defendemos, de modo especial, o dereito dos enfermos terminais e irreversibles a morrer sen sufrimentos, se este é o seu desexo expreso, e asesoramos de forma gratuíta sobre dereitos sanitarios.
Desde a Lei 41/2002 básica reguladora da autonomía do paciente, temos recoñecidos os seguintes dereitos:
- Dereito á información sobre a situación clínica, o diagnóstico, as opcións terapéuticas dispoñibles e o prognóstico probable.
- A renuncia ou rechazo a calquera tratamento, en calquera momento, aínda que isto supoña adiantar a morte.
- O dereito de facer o Testamento Vital ou Documento de Instrucións Previas, documento legal no que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos sanitarios que podería precisar no futuro, en que condicións considera que a súa vida é digna de ser vivida, o destino final do seu corpo e órganos, así como adiantar a morte coa solicitude da eutanasia, co fin de que esta vontade sexa coñecida e respectada no momento en que non teña capacidade para manifestala .
As unidades habilitadas para o Rexistro do TV foron aumentando paulatinamente desde o 2014, sendo a día de hoxe 98: A Coruña 48 , Lugo 6 , Ourense 20 e Pontevedra 24.
Parécenos moi positivo a ampliación de unidades habilitadas e o incremento no número de rexistros de TV, pero seguimos sen comprender cal é o criterio para que o número de unidades habilitadas sexa tan desigual entre as 4 provincias . Así mesmo denunciamos a desaparición en Vigo da Unidade do Hospital Nicolas Peña e a demora nas citas na Delegación da Xunta (a día de hoxe dan vez para finais de outubro!).
Desde 2021 hai un incremento constante de novos rexistros de DIP (Documento de Instrucións Previas):
- Ano 2021: un total de 1357
- Ano 2022: un total de 1663
- Ano 2023: un total de 2407
- Ano 2024: un total de 2887
Sabemos tamén do atraso de moitos meses, en ocasións de un ano, na incorporación do DIP á Historia Clínica (HC), impedindo que o persoal médico o coñeza e proceda á súa aplicación. Sobre as causas que motivan este atraso temos feito perguntas tanto na Comisión de Sanidade do Parlamento como dirixidas ao Conselleiro, sen que teñamos recibido aclaración algunha.
Aínda sabendo que o TV, unha vez formalizado, ten valor e que en casos considerados urxentes polo estado clínico da persoa son incorporados na HC, o feito de non estar na HC supón un obstáculo ó impedir o exercicio de dereitos fundamentais como son a liberdade, a dignidade e a autonomía da cidadanía.
A 31 de dec 2024 constan rexistrados 20.104 TT.VV., correspondendo un 64 % a mulleres. Un 63 % incorpora a doazón de órganos e un 79% solicita a eutanasia se reunise os criterios marcados na LORE. Este número que supón que 7/1000 da poboación ten feito o DIP, sendo unha das comunidades cunha taxa máis baixa. Navarra, Cataluña ou Euskadi chegan a un 22- 24/1000. Preguntámonos se hai vontade por parte da Consellería de mellorar esta taxa e facer que a Galiza estexa á altura das comunidades mais avanzadas?
COIDADOS PALIATIVOS
Existe un plan galego de coidados paliativos de 2007 actualizado en 2014 e a lei de 2015 de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais onde se recolle, entre outros, estes dereitos:
- Protexer a dignidade da persoa no proceso do final da súa vida e a salvagarda da súa intimidade e confidencialidade.
- Defender proactivamente a liberdade, a autonomía e a vontade da persoa, respectando os seus desexos, prioridades e valores no proceso do final da súa vida.
- Garantir o dereito das persoas no proceso final da súa vida a recibir coidados paliativos integrais e un tratamento axeitado tanto para o proceso físico coma para os problemas emocionais, espirituais ou sociais, onde prefiran recibilos.
En DMD recollemos constantemente preocupacións e queixas de persoas motivadas porque os seus familiares viven un final de vida sen recibir os CC.PP. adecuados para eles e a familia, prolongando os sufrimentos dun xeito innecesario, cando poderían ser evitados se se levase á práctica o recollido na lei como é o acceso universal aos CC.PP. ata a sedación terminal. Requirimos un esforzo de melloría e actualización do plan galego de coidados paliativos e o cumprimento da Lei 2015. Tamén a creación dun Observatorio de Morte Digna na Galiza para coñecer realmente como se está a morrer na nosa comunidade e así poder mellorar a calidade da morte.
EUTANASIA
A LORE entrou en vigor o 25 xuño de 2021, unha lei moi garantista que recoñece un novo dereito individual como é o de solicitar de forma reiterada e consciente axuda médica para morrer, se se cumpren os requisitos marcados na LORE e vaise aplicando pouco a pouco con aspectos positivos como é o rexistro da primeira solicitude e o nomeamento do médica/o responsable pola dirección da área sanitaria, mas tamén con certos atrancos.
Existe falta de información entre a cidadanía e de formación entre o persoal sanitario. Para o persoal sanitario, a prestación de axuda a morrer supón un cambio no paradigma médico relacionado cos fins da medicina, que inclúe o acompañamento e o coidado cando non se pode curar, o alivio do sufrimento e a axuda para conseguir unha morte digna e que require tempo para levar adiante o procedemento da PAM. Para facilitalo debe ser liberado nas súas axendas asistenciais.
Unha das funcións da Comisión de Garantía e Avaliación (CGA) prevista na LORE é elaborar e facer público un informe anual de avaliación da aplicación da Lei no seu ámbito territorial. Pois ben, o último foi feito cos datos de 2023 (estamos á espera dos datos do 2024 para podermos ver como está sendo a aplicación da LORE): o número de solicitudes no 23 foi de 38, o tempo de tramitación de 65 días, cando a Lei marca entre 35 e 40, as persoas que faleceron durante a tramitación no 23 foi de perto o 40%. A prestación da axuda para morrer realizouse en 11 casos en hospitais, 10 dentro da rede do SERGAS e un nun hospital privado; as restantes 7 prestación de axuda a morrer fixéronse en domicilio (dúas delas en centros sociosanitarios).
O ano pasado, Laura, compañeira de DMDG, ingresada en Coidados Paliativos do Meixoeiro deu o seu testemuño nos medios públicos reivindicando a axilización da tramitación da súa eutanasia logrando recibila en 21 días, demostrando que se poden reducir os tempos de sufrimento, acortando os prazos máximos marcados na LORE
DMD considera necesario continuar coa actualizacións do protocolo galego da prestación de axuda a morrer diminuíndo a súa burocratización, unha mellora na recollida de datos a nivel de todo o Estado para poder avaliar a súa aplicación e a actualización do Manual de Boas Prácticas.
Comparte este artículo