Tras haber constatado a preocupación da cidadanía ante os obstáculos que pon a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para exercer un dereito que con certeza pode evitar padecementos innecesarios e, ademais, facilitaría o labor do persoal sanitario, a Xunta Directiva da Asociación Dereito a Morrer Dignamente – Galicia abordou, na súa última reunión, os diversos aspectos desatendidos polas autoridades sanitarias e que, sen embargo, están recollidos na Lei 5/2015 de Morte Digna. A antedita falta de compromiso por parte das autoridades ten como consecuencia a falta de calidade da morte na nosa Comunidade.
En primeiro lugar, o pobre desenvolvementeo do Testamento Vital, a difusión do cal resulta a todas luces insuficiente, tanto entre a poboación xeral como entre o persoal sanitario, así como as dificultades que pon a Administración sanitaria para acceder ao Rexistro do Documento de Instrucións Previas, provocan que Galicia, sea unha das Comunidades Autónomas con menor índice de Documentos de Instrucións Previas rexistrados (con 3,47 por cada mil habitantes), só por diante de Extremadura (1,96) e Murcia (3,24). Cabe recordar que é deber da Adminstración difundir e dar a coñecer o Documento de Instrucións Previas. Nese sentido, DMD Galicia denuncia ademais a arbitrariedade por parte das institucións galegas na interpretación das normas legais, tendo como consecuencia inmediata que os Rexistros rexeitan o modelo de documento de DMD que sen embargo aceptan notarías e Rexistros doutras Comunidades Autónomas.
Por outra banda, e ante a evidente escasez de coidados paliativos na rexión, DMDG reclama un Plan de Coidados Paliativos coherente coa heteroxeneidade do noso territorio e consensuado entre o Sergas, as persoas que traballan nos Equipos de Atención Primaria e coas organizacións do tecido social.
Tan preocupante como o incumprimento da lei son o desprezo mostrado pola Consellería ante as reiteradas demandas da Asociación DMD Galicia e a ausencia de evaluación do impacto da mesma sobre a calidade da morte das persoas, polo que DMDG considera urxente a constitución dun Observatorio de Morte Digna.
Comparte este artículo