Día da Morte Digna en Galicia

Prensa DMD

Detalles de Evento
  • Fecha:
  • Lugar:
    Praza do Obradoiro
    Praza do Obradoiro – Santiago de Compostela

Dende hai xa catro anos DMD Galicia conmemora o Día da Morte Digna o 12 de xaneiro.

Esa é a data na que morreu Ramón Sampedro, símbolo do dereito a decidir sobre a propia vida e da loita pola despenalización da eutanasia. Ao redor dese día, na praia das Furnas (Xuño-Porto do Son) viñeron realizándose nestes anos actos na sua lembranza e no recoñecemento da súa contribución á humanización da morte e ao respecto á dignidade e liberdade das persoas.

Xa vixente a Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia, realizamos o pasado xaneiro o derradeiro acto na praia das Furnas e acordamos avanzar cara ao recoñecemento institucional do día 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galicia, coa finalidade de que ao redor desa data a sociedade civil e as súas institucións desenvolvan as actuacións necesarias para progresar na dignificación da morte na nosa sociedade: respectando os dereitos das persoas e sinaladamente as súas decisións, atendendo as súas necesidades e a dor e o sufrimento, facilitando o acompañamento por quen queiran.

É por iso polo que nos últimos meses DMD-Galicia veu desenvolvendo unha campaña de mobilización e recollida de apoios a unha declaración a prol do recoñecemento institucional do 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galicia. Ata o presente, a acollida recibida e o apoio expresado a esta iniciativa de DMDG polas entidades asociativas e institucionais ás que lle foi presentada, foi unanimemente favorable (sindicatos, organizacións sanitarias, organizacións culturais, asociacións defensoras dos dereitos humanos, asociacións veciñais, colexios profesionais, asociacións feministas, institucións municipais).

Nese traballo seguiremos ao longo do ano 2023, porque debe ser a sociedade galega quen asuma como súa a importante tarefa de protexer a dignidade na morte para toda a cidadanía.

Nese senso, enmarcada nesa mobilización, realizaremos o vindeiro 12 de xaneiro de 2023 unha concentración simbólica ás 13 horas na Praza do Obradoiro en Santiago, á que convocamos a tódalas persoas e moi en particular a quen forma parte de DMD-Galicia, para apoiar que o 12 de xaneiro sexa o Día da Morte Digna en Galicia.

Non podemos deixar de salientar a importancia da participación de todas e todos nese acto, ao que dende xa te convocamos.

Xunta Directiva de DMD Galicia